O Programa. Liñas mestras.

ver programa completo (PDF)


O BNG pretende unha cidade máis humana, amábel, áxil, moderna, orgullosa da súa historia, acolledora, de progreso, inserida no País. Queremos a construción dunha nova Galiza e da área metropolitana e queremos que A Coruña lidere este proceso. O programa está construído sobre estes alicerces:

  • O desenvolvemento sustentábel.
  • A planificación das grandes demandas da área metropolitana e das necesidades da cidade.
  • A normalización lingüística con carácter transversal.
  • O compromiso coa participación de toda a cidadanía.
  • Un urbanismo moito máis humano e racional.
  • Un Goberno que mire máis pola igualdade, polas posibilidades económicas do conxunto da cidadanía.
  • Un goberno nacionalista e de esquerdas, preocupado polo social, ao servizo da xente.
  • A procura dunha mellor calidade de vida.

Para acadar estes obxectivos dividimos a nosa proposta en catro grandes áreas que respostan á nosa concepción do organigrama no que organizaremos o Concello para gobernar e que son as que seguen, con algunhas propostas concretas:

1. ÁREA URBANÍSTICA, METROPOLITANA E DE MOBILIDADE: Para unha maior mobilidade e fluidez do tráfico sería preciso acometer as seguintes actuacións:

Mobilidade.

  • Estación intermodal en San Diego.
  • O deseño e planificación da conectividade do porto exterior.
  • Uso de transportes alternativos.
  • Creación de carril bus e do carril bici.
  • Creación do metro e o tren de cercanías. A peonalización de algunhas rúas.
  • Primar o transporte público; actuacións bono-bus universitario a 0,20 €. Tarxeta bus a 0,50 €. Tarxeta plus+ para xente maior, dependente e parados.

Urbanismo. Por unha vivenda digna e un urbanismo ao servizo da xente propomos:

  • Reserva do 40% do solo para vivenda protexida.
  • Empresa municipal de vivenda para construción de vivenda protexida e para a rehabilitación.
  • Potenciar a vivenda de aluguer. Recuperar a vivenda que xa existe facéndoa atractiva para os propietarios.
  • Coidar o patrimonio urbano e ambiental.
  • Unha política de rehabilitación digna de tal nome: Creación da Oficina de Rehabilitación Integral (ORI) que acometa a rehabilitación e remodelación do construído con especial atención ao Patrimonio Histórico e as áreas máis deterioradas da trama urbana.
  • Creación de novos espazos urbanos de calidade. Unha aposta decidida pola innovación e contemporaneidade.
  • Provisión de solo a prezo político a usuarios finais, promocionando as cooperativas de vivendas.

Área Metropolitana. Porque non temos o concepto de A Coruña como unha cidade estado e illada do seu contorno actuaremos nas seguintes direccións:

  • Creación da área metropolitana planificando as súas necesidades.
  • Redacción de documentos dunha nova ordenación territorial comarcal, nos que se terían que incluír os novos polígonos industriais, urbanos e os novos grandes espazos verdes da comarca.
  • Colaboración institucional.
  • Política de rexeneración das rías e de rexeneración litoral e paisaxística.
  • Políticas anticontaminantes.
  • Plano viario comarcal eficaz e realista.
  • Conectar o Aeroporto de Alvedro coa rede viaria comarcal para mellorar a súa accesibilidade. Utilizar a rede ferroviaria da RENFE como transporte de cercanías.

2. ÁREA DE DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E DE CREACIÓN DE EMPREGO: No BNG pensamos que a economía debe estar ao servizo do benestar das persoas, en lugar de que as persoas sexan meros instrumentos dos que se valen os grupos económicos para conseguir os seus obxectivos. Por iso levaremos adiante as seguintes actuacións:

  • Elaboración dun Plano de Desenvolvemento Local.
  • Crear na Coruña un espazo produtivo propio baseado na innovación e xestión do coñecemento.
  • Creación dun Centro Municipal de Promoción, Formación e Asesoramento Empresarial.
  • Creación da Concellaría de Promoción Económica e Emprego.
  • Elaboración dun Plano Municipal de Emprego consensuado cos axentes económicos e sociais.
  • Posta en marcha dun Programa Municipal de Integración Laboral (PROMIL).
  • Cidade xeradora de empresas creativas con pequena dimensión en espazo, mais ambiciosas no desenvolvemento.
  • Creación de empresas relacionadas coa sociedade do coñecemento. Fomento da colaboración entre empresas.
  • Universidade. Un tema central das nosas propostas (Parque científico tecnolóxico da universidade) (colaboración institucional).
  • Novas empresas de loxística relacionadas co porto exterior.
  • Creación de cinco áreas Wifi en toda a cidade.
  • Maior implicación co turismo. Reorganización administrativa e impulso ao funcionamento do Consorcio Municipal de Turismo. Creación do Consello Municipal de Turismo. Plano estratéxico para o desenvolvemento do Turismo. Compromiso de apoio ao pequeno e mediano comercio de proximidade cara a súa modernización e permanencia.

3. ÁREA DE BENESTAR SOCIAL. O noso Concello empeñarase nos programas de benestar social, no proxecto de igualdade entre homes e mulleres, na mellora da calidade de vida, na conquista da igualdade e na atención preferente á mocidade.

Desenvolvemento sustentábel.

  • Creación da Concellería de Igualdade, Medio Ambiente e da Mocidade.
  • Cumprimento na cidade da Coruña dos obxectivos marcados pola Axenda 21.
  • Creación dunha Axencia de Enerxía Local.
  • Catalogación e censo das árbores da cidade e plantación -como mínimo- de 5.000 árbores nas rúas e novas zonas verdes.
  • Programas para un medio ambiente e desenvolvemento sustentábel, a través do fomento das enerxías alternativas, da construción da depuradora e reparación do emisario submarino.
  • Creación no Portiño dun Espazo local de interese natural.
  • Posta en pleno rendemento da Planta de Nostián.

Benestar social.

  • Incrementar a calidade dos servizos e mellorar a atención social.
  • Consello Local de Asuntos Sociais, para asesoramento e participación sectorial.
  • Rede de Cooperación Coruña Solidaria: Impulsar o seu labor de participación e asesoramento en materia de asuntos sociais.
  • Observatorio Local de Asuntos Sociais para analizar todo o relativo a esta temática. Convenio coa Universidade para a realización de investigacións, estudos e divulgación.
  • Proxectos ineludíbeis de igualdade entre homes e mulleres.
  • Conversión do Centro de Documentación da Muller, nunha CASA DAS MULLERES, ampliando os seus servizos.
  • Unha política cultural máis preocupada pola creación que polo espectáculo.
  • Incrementar a atención ás persoas maiores e a súa integración social. Mellorar a calidade dos servizos.
  • Creación de 5 centros de día.
  • Atención ás persoas maiores e as persoas con discapacidade, en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta.
  • Axuda no fogar. Reforzar o servizo de axuda domiciliaria para persoas con mobilidade reducida.
  • Maior atención ao servizo de tele asistencia e á atención domiciliaria.
  • Atención á inmigración.
  • Posta en funcionamento da oficina municipal de migracións.
  • Plano específico de formación e emprego para mozos e mozas.

Educación.

  • Incrementar a oferta educativa na cidade da Coruña.
  • Convenios coa Universidade para apoiar proxectos de Investigación e Divulgación Científica sobre diferentes áreas, para aproveitar os seus recursos humanos e materiais na realización de traballos para o Concello da Coruña e para toda a sociedade.
  • Utilización das instalacións escolares en horario non lectivo para o seu uso social.

Cultura.

  • Converter A Coruña nun "Distrito Cultural" e "cidade educadora" mediante a elaboración de estratexias de cooperación nas actividades artísticas e educativas.
  • Fomentar a participación social na actividade cultural.
  • Pór en valor o patrimonio cultural da Coruña.
  • Proxecto piloto de constitución dunha Compañía residente nun Teatro Municipal.
  • Representacións teatrais nos Centros Cívicos da cidade.
  • Creación dun espazo municipal para ensaios e difusión de actividades artísticas.

Mocidade.

  • Convenio cos medios de comunicación para a edición e difusión de programas para a mocidade feitos polas propias mozas e mozos.
  • Aproveitar as infraestruturas dos centros de ensino para o seu uso en horario extraescolar. Facer rebaixas reais acordes coa realidade socioeconómica da mocidade coruñesa nas formas de lecer (cinema, concertos, teatro, museos...).
  • Creación do terceiro Centro Quérote nun edificio emblemático da cidade.

4. ÁREA INSTITUCIONAL. O actual modelo de financiamento local é incapaz de garantir a suficiencia financeira dos recursos, por iso o BNG de A Coruña vai demandar que se modifique o actual sistema de financiamento, pulará por unha Lei Galega de Facendas Locais, procurará un fortalecemento da capacidade e a eficacia recadatoria e loitará por un pacto local máis xusto e equilibrado.

  • Creación da Concellaría de Relacións Sociais e Participación Cidadá.
  • Mellorar os niveis de convivencia e seguridade cidadá na Coruña.
  • Conseguir a normalización lingüística na vida municipal.
  • Destinar unha partida á cooperación e solidariedade procurando que represente o 0,7% do orzamento.
  • Posta en valor do Consello Económico e Social da Coruña, como organismo asesor e instrumento político e social.
  • Orzamentos participativos.
  • Un Concello moito máis aberto e democrático.

En definitiva, unha Coruña pensada para ti.

ver programa completo (PDF)


Henrique Tello é o candidato do Bloque Nacionalista Galego á alcaldía da Coruña.